EKOenerxía: rede e ecoetiqueta

Rede

EKOenerxía é unha rede de ONG medioambientais europeas que fomentan o uso da electricidade sustentable. Na actualidade, consta de 31 membros procedentes de 23 países europeos, e agardamos que se unan moitos máis.

Xuntos queremos:

  • Estimular o desenvolvemento do sector da enerxía eléctrica renovable e promover solucións para loitar contra o cambio climático.
  • Contribuír á promoción da biodiversidade, dos diferentes hábitats e dos servizos dos ecosistemas.
  • Informar os consumidores de electricidade sobre o produto que están a mercar e sobre o significado e o impacto da súa compra.
  • Mobilizar a enerxía positiva de milleiros de persoas, grupos e empresas que comparten a nosa ambición e darlles a oportunidade de implicarse.
  • Fomentar o diálogo e cooperar co sector da electricidade, as ONG medioambientais e outros investidores (por exemplo, as asociacións de consumidores e as autoridades).

Ecoetiqueta

EKOenerxía tamén é unha ecoetiqueta de electricidade controlada pola rede EKOenerxía. O obxectivo desta ecoetiqueta é axudar os consumidores a orientarse no complexo mercado eléctrico europeo.

Polo tanto, non é de estrañar que só se poida vender como EKOenerxía aquela electricidade procedente de fontes de enerxía renovables. Pero a EKOenerxía é moito máis que electricidade renovable. Tamén cumpre con todos os requisitos de sustentabilidade establecidos pola rede EKOenerxía. Ademais, os consumidores de EKOenerxía recibirán información certeira sobre a orixe da súa electricidade.

EKOenerxía é a única etiqueta de electricidade que xorde como resultado dun proceso de consulta panaeuropeo e que, ademais de estar presente na totalidade do mercado europeo, conta co recoñecemento dos grupos implicados en todos os países de Europa.