Panel de Arbitraxe

Mecanismo de reclamacións

Calquera persoa pode presentar unha reclamación sobre calquera decisión (ou ausencia de decisión) da Xunta de EKOenerxía, ou sobre como se aplican as normas de EKOenerxía. As reclamacións débense dirixir á Xunta de EKOenerxía e tamén se comunicarán ao Grupo Asesor.

A Xunta de EKOenerxía deberá dar unha resposta nun prazo de 3 meses ás reclamacións presentadas por:

  • Membros da rede EKOenerxía
  • Empresas que comercializan EKOenerxía
  • Produtores de electricidade (ou os seus representantes) no caso de decisións acerca da elixibilidade dos seus medios de produción.

Se as partes que presenten unha reclamación non están de acordo coa resposta proporcionada pola Xunta, e se forman parte dalgún dos tres grupos anteriormente mencionados, poderán levar o caso ante o Panel de Arbitraxe de EKOenerxía.

Composición e procedemento

O Panel de Arbitraxe de EKOenerxía componse dun mínimo de tres expertos propostos polo Grupo Asesor e designados pola Xunta de EKOenerxía. Estes nomeamentos teñen unha validade de cinco anos.

No Panel de Arbitraxe hai unha praza reservada para un experto en cuestións medioambientais e outra para un experto en enerxía eléctrica renovable. As partes interesadas pertinentes terán a oportunidade de propor candidatos para estas prazas. Polo menos un dos membros do panel de reclamacións ha de ser un xurista (Máster en Dereito).

O procedemento de arbitraxe de EKOenerxía estará baseado nas normas de arbitraxe existentes, tales como as normas do Tribunal Europeo de Arbitraxe. O Panel de Arbitraxe deberá chegar a unha decisión nun prazo de 6 meses desde o momento en que un caso se presente. A presentación dunha reclamación non implica a suspensión da validez da decisión en disputa.
O Panel de Arbitraxe tamén resolverá as disputas relativas ao Acordo de licenza de EKOenerxía se (e na medida en que) EKOenerxía e o titular da licenza así o acordaran no propio Acordo de licenza.

O Panel de Arbitraxe de EKOenerxía entrará en funcionamento non máis tarde de dous anos despois das primeiras vendas de EKOenerxía (é dicir, sobre o 15 de xuño de 2015).